DERRADEIRA XUNTANZA DO CLUB THE DARKEST HOUR BOOK CLUB

Como os demais clubs poñemos punto e final ata o vindeiro curso ao «The darkest hour club». Esta vez a xuntanza xirou en torno a dúas obras «A ladroa de libros» e a novela gráfica «Maus», este último na lingua orixinal, o inglés.

Os contertulios falaron das súas impresións sobre as obras, orientados, coma sempre, polo profe Diego, e achegáronnos unha visión do que sufriron tamén os propios alemáns non nazis ou comunistas, no caso de «Maus» un comunista polaco. Concluimos con que o nazismo foi cruel con todo aquel que era ou pensaba diferente.

Hoxe o grupo veuse ampliado con convidadas e convidados de 4º de ESO que se achegaron á aula onde tivo lugar a xuntanza, xa que forman parte do mesmo grupo burbulla, e o profe Héctor. Ao final algúns animáronse a ler algunha destas obras despois de oír sobre elas, e no grupo de Classroom do Club, vanse partillar, no verán, as lecturas e comentarios sobre as mesmas, así como algunhas películas. O entusiasmo contáxiase!

No desenvolvemento deste club ao longo do curso fixemos unha viaxe polos campos de concentración, polas agachadas, polas fuxidas, pola inxustiza, pero sobre todo polos sentimentos humanos e a barbarie da que é quen o ser humano. A finalidade, coñecer a historia, a cal, se non queremos, non estamos condenados a repetir.

Parabéns a todas e todos, e vémonos o curso vindeiro!

UN SACO DE CANICAS

Hoxe asistimos a unha nova sesión do Club de Lectura «THE DARKEST HOUR BOOK CLUB».

Esta vez o protagonista foi » Un saco de canicas». Libro autobiográfico de Joseph Joffo no que narra as duras circunstancias que viviu de cativo na Francia ocupada.

Tratamos a loita pola supervivencia dun neno xudeu na Francia ocupada polos nazis. O perruqueiro Joffo, un honrado xudeu establecido no París ocupado polos nazis, decide dispersar á súa familia para evitar o cruel e posible destino que lles espera. …

Unha amena e instructiva charla dirixida, de novo, polo profe Diego aos alumnos de 4º de ESO e a todo aquel que quixo achegarse. Coma sempre quedamos cun moi bo sabor de boca e con ganas de repetir.

O NENO CO PIXAMA DE RAIAS

O pasado venres o alumnado de 4º de ESO asistiu a outra sesión do Club de Lectura «The Darkest Hour» onde puideron partillar as súas experiencias trala lectura dun novo libro, nesta ocasión «O neno co pixama de raias» do autor irlandés John Boyne.

Os estudantes expresaron que sentimentos lles fixo vivir o libro, salientando a crueldade vivida polos nenos e nenas nas circunstancias narradas na novela.

Posteriormente o profe Diego compartiu con elas e eles dous libros con imaxes reais do campo de concentración de Auschwitz nos que se baseou o autor para a creación da súa obra, e finalmente puideron ver un breve documental filmado por un drone que sobrevoa o infame campo xenocida. Unhas imaxes impactantes para que as novas xeracións non esquezan o que nunca debe volver repetirse.

O DIARIO DE ANA FRANK

O pasado venres asistimos á segunda xornada do Club de Lectura » THE DARKEST HOUR BOOK CLUB«

Este día a xuntanza ocupouse da obra » O Diario de Ana Frank». Cada un dos participantes expresou as súas opinións e comentou as súas impresións e conclusións sobre o libro e a súa lectura. O teacher Diego ensinounos, virtualmente, o escenario no que se desenvolve a historia, amais dunha morea de anécdotas sobre Ana Frank, a súa familia e o contexto histórico do Diario.

COMENZO DO CLUB «THE DARKEST HOUR BOOK CLUB»

A pasada semana, durante o recreo, algunhas alumnas e alumnos de 4° de ESO asistiron á xornada inaugural do novo club de lectura do noso Colexio «The darkest hour book club».

Neste club, o alumnado poderá coñecer obras da literatura que recollen un dos períodos históricos clave da Historia recente, a Segunda Guerra Mundial. Para iso escolléronse, entre outros títulos, «O diario de Ana Frank», «A ladroa de libros», e «Un saco de canicas», onde se narran as vivencias de nenos e adolescentes durante o conflito bélico.

Ademais dos libros, o alumnado poderá gozar de varias novelas gráficas, e ao termo da lectura faremos un visionado cinematográfico das adaptacións ao celuloide das obras que leron no club.

A tolerancia, a loita contra os prexuízos e a discriminación serán os valores e o fío condutor das lecturas e do noso club, onde o coloquio aberto entre profesorado e alumnado está sempre garantido.