Do 29 de Outubro ao 5 de Novembro, co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro de cada ano, a nosa Biblio gozou da exposición itinerante Enlaza Vigo, “A mocidade viguesa contra a escalada da violencia de xénero”.

Unha iniciativa do Consello Municipal da Muller e da Concellería de Igualdade de Vigo para esixir a todos os poderes públicos e á sociedade en xeral un compromiso real contra a violencia de xénero, por mor de concienciar e sensibilizar á sociedade sobre a violencia que se exerce contra as mulleres, e á mocidade en particular, para conseguir que as novas xeracións se impliquen activamente para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas e todos. 

Esta iniciativa, que se leva a cabo desde o 2011, conta coa colaboración e participación dos centros educativos vigueses na realización dun tapiz virtual que se expón polos centros de ensino, realizado por alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP, e co que o noso centro colaborou co eslogan “Controlar non é amar” que aparece nun dos paneis.

A exposición seguirá a expoñerse noutros centros da cidade e vías públicas, pero o noso alumnado, e as familias que o desexaron, puideron facer unha visita guiada pola nosa Biblio para ver os paneis informativos e sumarse a tan fermosa e necesaria iniciativa.